Wednesday 08 de May de 2024

A Xunta apoia o proxecto do concello de Ribeira para optar aos Fondos dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino


― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na presentación dunha iniciativa que pretende a rexeneración e a posta en valor da contorna litoral do municipio abrindo Ribeira ao mar

― Trátase dun dos proxectos que os técnicos da Xunta e o Goberno central consideraron aptos para optar a través destes plans dos fondos europeos Next Generation asignados a Galicia para o desenvolvemento turístico do litoral

― Alfonso Rueda destacou que a sustentabilidade tamén é a base da folla de ruta da Xunta para deseñar o modelo do turismo galego

― A aposta por un turismo seguro, de calidade, sostible e respectuoso co medio ambiente converteu a Galicia nun destino de moda cunha recuperación turística 25 puntos por riba da media estatal en comparación coas cifras de 2019

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe á presentación do proxecto promovido polo Concello de Ribeira para optar aos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino que promove a Unión Europea cos fondos Next Generation.

A iniciativa presentada pola Administración local foi unha das consideradas aptas polos técnicos da Xunta e do Goberno central para optar aos fondos destinados ao Plan do Litoral no marco da convocatoria extraordinaria dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSDT). O Plan do Litoral suporá un investimento total de case 30 millóns, destinados aos Plans de Sustentabilidade presentados por entidades locais e ás tres Accións de Cohesión en Destino desenvolvidas desde a Xunta.
No caso dos PSTD permitirán reforzar Galicia como destino seguro e sostible a través dos fondos Next Generation asignados á comunidade galega para o desenvolvemento de accións no litoral como a presentada por Ribeira.

Alfonso Rueda lembrou que os proxectos cumprían cos requisitos esixidos pola Estratexia de Sustentabilidade Turística en Destino da Secretaría de Estado de Turismo, isto é, transición verde e sustentable, eficiencia enerxética, transición dixital, calidade e vocación turística do destino, ademais do carácter litoral do plan.

A proposta Ribeira, destino litoral sostible pretende a rexeneración e a posta en valor da contorna litoral do municipio abrindo Ribeira ao mar, coa creación de sendas peonís e ciclistas, ademais de apostar pola recuperación do patrimonio etnográfico e a creación de produtos turísticos que salienten os seus atractivos.

Entre os proxectos máis destacables figura a creación do Museo do Mar, a posta en marcha dun corredor ecolóxico cicloturístico no litoral entre Santa Uxía de Ribeira e Ameixida, pasando por Castiñeiras e a Fonte Seca; a humanización de espazos de gran potencial turístico, como os exteriores do Faro de Corrubedo; a colocación estratéxica dun miradoiro e punto de interpretación da paisaxe en Punta Castro ou a reconversión da zona de San Roque nun parque periurbano.

O concello tamén botará man das novas tecnoloxías para a súa proxección turística. Así, no programa Ribeira, destino intelixente encádrase a creación dunha oficina de turismo virtual con alertas, apps específicas e ferramentas dixitais. O proxecto complétase cun plan de sinalización integral dos recursos turísticos.

Turismo respectuoso coa contorna
Alfonso Rueda destacou que estes proxectos recibirán a inxección económica que precisan para contribuír a enxalzar o turismo tranquilo en contacto coa natureza e respectuoso coa contorna que Galicia xa ofrecía e que converteu á comunidade en destino de moda este verán cunha recuperación turística 25 puntos por riba da media estatal, sendo a segunda autonomía con maior recuperación da demanda de noites e a terceira en número de viaxeiros respecto a 2019.

Así, engadiu que esa aposta por un turismo seguro, de calidade e sostible son os piares da folla de ruta do Goberno galego para deseñar o modelo de turismo do futuro no marco do Plan Director Galicia Destino Seguro 2021-2023, tendo en conta que son tamén os valores que buscan os turistas á hora de viaxar e que se viron reforzados debido á crise sanitaria.